20 anos da Nintendo 64

xoves, 23 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Mario Kart 64 foi un dos xogos de lanzamento da Nintendo 64

Aínda que a meirande parte da poboación asocie o 23 de xuño coa Noite de San Xoán, os afeccionados xaponeses aos videoxogos teñen outra celebración na mente: a chegada ao mercado da consola Nintendo 64 no ano 1996. Tal icónica consola tardaría case un ano en chegar a España, pero podemos dicir que hoxe cumpre 20 anos esta consola que demostrou unha vez máis que Nintendo vai ao seu ritmo nas consolas domésticas, e afastándose dos seus competidores conseguiu consolidar unha plataforma moi sólida que, pese á emerxencia da marca PlayStation, conseguiu consolidar un impresionante catálogo de xogos.
Temos así unha imaxe un tanto curiosa desta máquina, pois pese a que non conseguiu ter un bo nivel de vendas (non chegou aos 33 millóns de unidades, mentres que a PlayStation superou os 102 millóns), foi todo un escenario para a innovación, dando pé a grandes xogos como Super Mario 64 (un dos títulos de referencia para os xogos de plataformas en tres dimensións con xogabilidade de mundo aberto), GoldenEye 007 (considerado como un dos primeiros shooters en primeira persoa que conseguiron funcionar ben nunha consola de videoxogos, ou sexa, cunha interface de uso que non contase con teclado e rato como sistema de control) e The Legend of Zelda: Ocarina of Time (considerado por moitos críticos como o mellor xogo de todos os tempos).
Unha consola digna de lembrar, que é todo un obxecto de culto para os seareiros de Nintendo, conseguindo deixar clara a senda da compañía nipoa nas consolas domésticas, que non parece buscar ser líder, e confórmase con ter uns bos resultados sen mirar á competencia.

PUBLICIDADE