21 días co galego e + fixo ferver as redes coa súa innovadora proposta de dinamización lingüística
xoves, 8 de xullo do 2021
- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García
O programa
de promoción do uso do galego 21
días co galego e +, cuxa
orixe cómpre situala no IES da Pobra do Caramiñal (coa primeira
versión da experiencia, 21
días co galego,
impulsada pola profesora Pilar Ponte), contou
coa participación de máis de 9.000 alumnos de 24 centros educativos
desde a súa posta en marcha. Tamén
tivo unha forte presenza dixital nas redes sociais e a
través da web de seu (un blog permanentemente actualizado con
mancheas de entradas).
Segundo
fixo saber Valentín García, responsábel da Secretaría Xeral de
Política Lingüística (encargada de estender a iniciativa alén do
IES da Pobra), durante
os anos que leva en marcha, o número de centros e alumnos foi
medrando en cada unha das edicións, pasando dos 1.400 participantes
no curso
2018-2019 aos preto de 4.000 no curso pasado.
“Os datos
demostran que se está a consolidar como unha útil ferramenta para
fomentar o emprego da lingua na mocidade participante e nos seus
espazos de socialización”, expresou Valentín García, engadindo
que este
impacto estase a notar tamén nos espazos dixitais onde a iniciativa
está presente a través dun blog, así como unha canle propia en
YouTube e perfís en Facebook, Twitter, Instagram e TikTok onde se
está a constatar “un aumento da fluidez na comunicación coloquial
en lingua galega de todos os colectivos participantes”.
Neste
sentido, 21
días co galego e +
está a achegar bos resultados en canto ás competencias dos alumnos
observándose un maior coñecemento da realidade lingüística e unha
posta en valor dos dialectais propios así como un fortalecemento de
nexos de unión coa comunidade educativa. Así, Valentín García
recordou que entre as prioridades do Goberno autonómico está
“seguir traballando en conseguir
a transmisión e emprego da lingua nas familias e na mocidade, co fin
de facela presente en eidos como Internet,
os videoxogos e as zonas urbanas”.
Por outra
banda, o secretario xeral de Política Lingüística defendeu o
procedemento do CELGA,
onde o número de matriculados superou os 1.500, o máis numeroso nos
últimos anos. Por último, tamén se avanzou que o Goberno galego
ten previsto levar a cabo este verán obras no CIP de Bembibre de Val
do Dubra cun investimento de máis de 392.000 euros que suporá
adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas
establecidas no Plan de Nova Arquitectura pedagóxica de Galicia,
dotado con máis de 191 millóns de euros.
Dende
A Pobra
- No centro da imaxe, Valentín García e a profesora Pilar Ponte
A actividade 21 días co galego foi posta en marcha hai anos no IES da Pobra pola profesora Pilar Ponte, que foi quen de mobilizar a unha chea de rapazas e rapaces para que se lanzasen a falar a nosa lingua, sen interrupción, durante o número de xornadas que se estipula no nome do proxecto. Tal e foi a repercusión da proposta que a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, decidiu levala máis aló do local e estendela a todo o ámbito galego. Tal e como se prevía, o chimpo autonómico de 21 días co galego (chamado agora 21 días co galego e +) saldouse cun notábel éxito nas súas tres primeiras edicións.