4 dos mellores xogos para PS3 oferaranse nunha recompilación

luns, 2 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que algunhas compañías como Nintendo tenden a manter o prezo dos seus xogos co paso do tempo, outras como Sony prefiren non deixar as rebaixas dos seus grandes éxitos aos establecementos comerciais e relanzan os seus mellores títulos dentro da liña Platinum, cuns prezos moi populares. Seguindo nesta liña parece que o vindeiro 27 de xaneiro en Europa imos poder gozar dun paquete de 4 dos mellores xogos de PlayStation 3 por só 82,99 euros.
Este atractivo recompilatorio recolle os xogos God of War III, Gran Turismo 5, Killzone 3 e Uncharted 2: El Reino de los ladrones, que xa pertencían á liña Platinum cun prezo de venda de 29,95 euros cada un, polo que a súa compra conxunta suporía un aforro superior (especialmente se temos en conta que os seus prezos orixinais eran de 69,95 euros).
Calquera dos xogos recollidos neste paquete están considerados como os mellores para PS3, e saíron inicialmente hai preto dun ano (agás Uncharted 2 que é un pouco máis vello pero, pola contra, está considerado como o mellor da súa franquía), polo que é unha compra moi recomendable para quen non teña ningún dos 4 títulos.

PUBLICIDADE