7NN abandonará a TDT en Galicia

martes, 14 de marzo do 2023 Marcus Fernández

A finais de 2021 co lema de «la alternativa» chegou á TDT a canle 7NN, propiedade de Producciones Audiovisuales Hispania, S.A., e caracterizada pola súa tendencia política conservadora e con afinidade a Vox, a Fundación Nacional Francisco Franco e a Organización Nacional del Yunque, conseguiu en pouco tempo ter presenza como canle tradicional en boa parte do territorio estatal (en Galicia pode verse na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), aínda que a plataforma asegura que menos da terceira parte da súa audiencia chega por esa vía, xa que tamén está dispoñible vía web, redes sociais, os operadores Orange e Vodafone, aplicacións móbiles e incluso a través de Samsung TV Plus.
Pero o alcance de 7NN non se traduciu en ingresos económicos, polo que a compañía está a reducir custos, non só cunha redución do seu cadro de persoal nun 50%, senón tamén adoptando a drástica medida de abandonar a TDT en toda España coa excepción da Comunidade de Madrid.
Podemos entender así que o intento de crear unha canle como Fox News a nivel español ten serias dificultades para prosperar, e en redes sociais a situación chegou a converterse en meme, xa que 7NN ten entre as súas estrelas a Toni Cantó (co programa Con Toni), actor que ve como os proxectos políticos aos que se suma afúndense aos poucos anos, e desta volta só tardaría uns meses en ver como o proxecto ao que se suma pasa por unha mala racha.
Cómpre salientar que tampouco parece razoable lanzar novos proxectos na TDT nun momento no que está en dúbida a longo prazo este xeito de acceder á televisión, dándose por feito que na década que vén vivirá o seu ocaso, polo que o máis lóxico sería explorar formatos que poidan consolidarse a longo prazo.

O fracaso de 7NN convértese en meme por contar a canle con Toni Cantó

PUBLICIDADE