A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá un curso en liña sobre fotografía dixital

venres, 20 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) vén de anunciar a celebración dun curso sobre fotografía dixital a través da Rede dirixido ao persoal das forzas e corpos de seguridade en xeral, e aos membros dos corpos de policía local e autonómica en particular.
O obxectivo deste curso de formación, que se desenvolverá entre os días 23 de marzo e 21 de abril, é dotar aos corpos de seguridade galegos, dos coñecementos fundamentais para levar a cabo as tarefas máis importantes no eido da fotografía dixital aplicada á función policial, facendo especial fincapé aos atestados por accidentes de tráfico.
A actividade, que conta con 50 prazas, é de inscrición gratuíta e desenvolverase a través dunhas probas avaliativas e exames tipo test cun tempo limitado. Estas probas dividirase nun primeiro módulo que comprende do tema 1 ao 12 e doutros dous que van do tema 13 ao 16. Tamén haberá unha proba presencial final consistente nun exame tipo test con tempo limitado e a resolución dun caso práctico a presentar por escrito e en soporte informático.
En total, os alumnos deberán superar tres módulos: un de fotografía, outro policial e un terceiro de edición fotográfica, para os que precisarán ter uns coñecementos técnicos mínimos tanto das cámaras fotográficas como dos ordenadores.
O prazo para a presentación das solicitudes remata o vindeiro día 11 de marzo, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia de hoxe (DOG), onde se atopa o anuncio da convocatoria ao completo con información detallada sobre o mesmo.

Requirimentos técnicos mínimos para a realización do curso
Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da AGASP (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son un hardware cunha configuración mínima de PC doméstico e ter instalado un navegador web actual sobre calquera sistema operativo de uso común (Mozilla Firefox, Opera, Internet Explorer). En canto ao tipo de conexión á Rede abonda cunha de baixa velocidade. Doutra banda, para a realización dos casos prácticos requírese unha cámara fotográfica propia con funcións automáticas e manuais que permitan diversos modos de exposición -A, S, P, M.- e a posibilidade de elixir parámetros como o ISO ou balance de brancos e compensación da exposición.

Certificacións
Unha vez rematado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os diplomas ao alumnado participante. Os alumnos que superen os tests dos tres módulos e os casos prácticos recibiran un certificado de participación; aqueles que ademais superen a proba presencial final recibirán o de aproveitamento.