A Asociación para a Formación Publicitaria organiza un curso para converternos en deseñadores web avanzados

mércores, 6 de novembro do 2013 Redacción

A Asociación Galega para a Formación Publicitaria (AGAFPU) vén de informar que está a promover un curso práctico sobre deseño web avanzado con HTML5 e CSS3. Esta actividade formativa, dirixida a blogueiros, administradores de comunidades en liña, programadores ou deseñadores, susténtase sobre o seguinte feito fóra de toda dúbida: o papel incuestionábel que teñen hoxe en día as páxinas web dentro do funcionamento de toda empresa. Asemade, sinala a asociación que organiza este curso, “é clara a tendencia que apunta a unha porcentaxe cada vez maior de vendas realizadas a través de medios en liña”. En base a isto, é preciso que as nosas firmas estean plenamente capacitadas para adaptarse aos cambios de rumbo que vai dando a Rede, igual que se adaptarían aos novos costumes dos clientes que visitaran as súas instalacións e puntos de venda físicos. E hoxe en día, o rumbo que se impón é o da accesibilidade, o dinamismo e o compoñente visual.
Este será pois o alicerce do curso: botar man das ditas linguaxes HTML5 e CSS3 para acadar as ferramentas e servizos web máis acordes cos novos tempos e tendencias. Como dixemos, os destinatarios da actividade son deseñadores gráficos, bloggers, community managers, profesionais na área multimedia e interactiva e calquera outra persoa que, tendo coñecementos previos de programación, desexe afondar nas devanditas linguaxes, precise crear aplicacións avanzadas, emprazar axeitadamente páxinas web ou ben editalas baixo os estándares actuais.
A vertente formativa do curso virá da man de Oscar Otero Marzoa, que segundo nos lembra a organización é un dos profesionais máis recoñecidos no mundo web en Galicia. E engade: “Cunha traxectoria de máis de 12 anos neste sector, traballou para distintas axencias tanto no apartado gráfico coma en programación, ata formar parte na actualidade de A Navalla Suíza, unha empresa galega pioneira en deseño web e premiada en máis dunha ocasión polo seu afán de innovación neste campo”.
O curso desenvolverase os sábados 23 e 30 de novembro e 14 de decembro de 2013 de 10 a 14 horas, e será na aula de formación de AGAFPU, na avenida Rosalía de Castro de Santiago, número 42 baixo.

PUBLICIDADE