A Biblioteca Virtual de GaliciaDigital alcanza os 300 títulos

mércores, 29 de marzo do 2023 S. P.

A Biblioteca Virtual de GaliciaDigital, posta en marcha hai 7 anos publicando libros esgotados ou inéditos para poñelos ao dispor dos posíbeis interesados con independencia de onde residisen, contribuíndo tamén á súa difusión, vén de superar a liña dos 300 títulos.
Cunha periodicidade aproximada dun libro por semana, a colección chegou xa á devandita cifra coa publicación da obra Lugo a través do tempo, de Eduardo Ochoa (Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá).
“O noso catálogo”, explican dende GaliciaDigital, “segue a medrar sen présa pero sen pausa, presentando unha oferta xa ampla de poesía ou prosa, de ensaio ou reportaxe, en galego ou castelán, totalmente gratuíta; para todos e para sempre”. E engaden: “Estamos plenamente satisfeitos pola formulación e o traballo desenvolvido, queremos deixar constancia de agradecemento sen límites a autores e autoras que nos autorizan a reproducir as súas obras, e igual recoñecemento para todos os internautas que cada día entran na Biblioteca Virtual de GaliciaDigital para descubrir novas publicacións, antigas ou recentes, que forman parte esencial da nosa oferta-achega á infraestrutura dixital do país”.
Dende GaliciaDigital aproveitaron a consecución dos 300 volumes para lanzar un convite a todas as persoas interesadas que queiran dar unha nova dimensión divulgativa ás súas publicacións a que se poñan en contacto coa plataforma a través do correo correo@galiciadigital.com.

PUBLICIDADE