A CEG e a AMTEGA abordan a integración das TIC nos principais sectores produtivos galegos

mércores, 23 de outubro do 2013 Redacción

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, recibiu esta mañá ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, nunha xuntanza na que abordaron as iniciativas da Administración autonómica para integrar as TIC no tecido empresarial galego, co obxectivo de impulsar a súa modernización e o seu crecemento. Un aspecto fundamental tendo en conta que o 95% das empresas galegas son PEME.
Unha das liñas estratéxicas da AMTEGA para o vindeiro ano é a posta en marcha de plans tecnolóxicos en sectores clave para a cidadanía e a economía galegas como o benestar, o turismo e o transporte. Iniciativas nas que será clave a colaboración do sector TIC pero tamén do resto das empresas non tecnolóxicas destas áreas.
Desde a posta en marcha da Axenda Dixital, foron varias as iniciativas desenvolvidas para integrar a tecnoloxía nas PEME galegas. A máis destacada, a entrada en funcionamento do Centro Demostrador TIC, o escaparate tecnolóxico de Galicia. O CDTIC, situado en Santiago e equipado coa tecnoloxía máis avanzada, facilita ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos.
Dende a súa creación o CDTIC acolleu un total de 57 actividades nas que participaron preto de 800 empresas e 1.400 profesionais do eido educativo, sanitario, da investigación, do sector téxtil e da confección ou da automoción, entre outros.

Mar Pereira recibiu a José Manuel Fernández Alvariño esta mañá

PUBLICIDADE