A DXT anuncia o lanzamento de volantes “anti alcohol” para 2009

luns, 9 de abril do 2007 Raquel Noya

Xa o anunciou a mesma empresa desenvolvedora a comezos de ano: co fin de evitar que os condutores ebrios colleran o volante dos seus vehículos, Toyota tiña en mente lanzar un verdadeiro sistema de prevención de accidentes que lles impediría coller o coche a aqueles que presentaran sinais de ter consumido alcohol. Agora, a saída ó mercado deste “alcoholímetro de a bordo” (que, no canto de multar, inmobiliza os vehículos) é definitiva. A firma xaponesa está a preparar un volante que, mediante o conxunto de medidas que inclúe (como un detector de suor das palmas das mans, un sensor que indica se atinamos na dirección correcta ou un dispositivo que fai unha lectura do iris do ollo), determinará se o piloto está preparado para levar o vehículo, ou se pola contra debería coller un taxi para facer o camiño de volta.
Así o vén de determinar a Dirección Xeral de Tráfico, que afirma que este innovador dispositivo podería implantarse nos vehículos en 2009. Agora, as principais dúbidas residen en saber se será precisa unha instalación especial, se os volantes estarán homologados, se o invento se poderá instalar en vehículos antigos ou, como non, se este peculiar “salva vidas”estará ó alcance de tódolos petos ou (unha vez máis) só ó duns poucos privilexiados.

PUBLICIDADE