A Deputación da Coruña entrega os premios PEL ás empresas de meirande empuxe innovador
xoves, 8 de xullo do 2021
A
Deputación
da Coruña celebrou esta tarde en Oleiros o acto de entrega da IV
edición dos premios PEL, uns galardóns cos que a institución
provincial recoñece cada ano o talento e a innovación das empresas
da provincia. “O traballo destas empresas contribúe á
reactivación económica que tanto necesitamos tras a pandemia, crean
emprego e permite que A Coruña siga a ser o motor económico de
Galicia”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González
Formoso.
O acto
repartiu un total de 75.000 euros en premios, 15.000 euros para cada
gañador. A empresa Albari S.L. recibiu o premio na categoría de
mellor iniciativa empresarial nova, polo seu orixinal modelo de
negocio que combina a actividade educativa e divulgativa en materia
de astronomía, coa posibilidade de vivir a experiencia inmersiva en
plena natureza poñendo en valor os recursos turísticos que a
astronomía ofrece.
Pola súa
banda, Galchimia foi galardoada na categoría de mellor iniciativa
empresarial consolidada, por ser un referente internacional en
química orgánica. Como novidade, nesta cuarta edición creouse unha
nova categoría, a de mellor iniciativa innovadora na loita contra a
COVID-19, na que resultou gañadora a
startup tecnolóxica
coruñesa BionisSupplychain Technologies por crear nun tempo récord
e en plena pandemia un respirador artificial de baixo custe
facilmente
industrializábel,
o respirador Freesterra.
Asemade, na
categoría destinada ao concello promotor do emprego de calidade o
galardón foi para o Concello de Brión, polas medidas implantadas a
favor do fomento da iniciativa empresarial e o emprendemento, como a
posta en marcha da cooperativa de transformación de produtos do agro
DaquíDarredor.
En canto á
categoría destinada a premiar ás mellores asociacións empresariais
da provincia, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da
Vida (BIOGA) resultou galardoado pola súa contribución á mellora
no posicionamento do sector biotecnolóxico galego. Ademais, houbo un
recoñecemento á xornalista de El País, Sonia Vizoso, como a mellor
comunicadora en materia de Emprego, Industria e Economía. “Hoxe
premiamos ás empresas, pero sobre todo premiamos o talento e o
esforzo das persoas que hai detrás”, afirmou o presidente para
poñer punto e final á cuarta
edición da entrega de premios PEL.