A Deputación da Coruña fornece de formación e prácticas TIC a 90 mozos da provincia

xoves, 8 de febreiro do 2018 Redacción

As novas tecnoloxías da información estarán moi presentes na vindeira iniciativa a prol da mocidade da Deputación da Coruña. Trátase, máis polo miúdo, dunha batería de programas de formación e prácticas para 90 mozos e mozas da provincia. Os sectores nos que se formarán serán as TIC e o turismo. A iniciativa, PEL Emprego Xuvenil, foi aprobada polo Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro da súa convocatoria de axudas destinadas á integración sustentábel de persoas novas no mercado de traballo. A Deputación da Coruña recibiu 490.820 euros do FSE, que constitúen máis do 30% das axudas concedidas ás entidades locais da provincia, e, segundo engade a entidade provincial, unha cuarta parte dos fondos acadados para toda Galicia.
Esta axuda servirá para financiar algo máis da metade do orzamento total do proxecto, mentres que o resto, ata chegar a 868.695 euros, será aportado pola propia Deputación.
A Deputación desenvolve esta iniciativa dentro do seu Plan de Emprego Local (PEL), un plan estratéxico que abrangue todos os recursos e actuacións destinados a fomentar a creación de emprego. Esta acción en concreto, PEL Emprego Xuvenil, está destinada aos mozos e mozas dos concellos coruñeses de entre 16 e 30 anos, e consistirá en seis itinerarios que incluirán formación específica e prácticas profesionais en empresas da provincia.
Para a escolma dos itinerarios que se ofertarán, a Deputación realizou un estudo do contexto socioeconómico nos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes. Na investigación a entidade provincial achou que a maioría das ofertas de traballo diríxense a profesionais con capacitación nos sectores das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a promoción turística, polo que este nicho de mercado sería, en palabras da institución, “o máis axeitado para asegurar a inserción laboral dos participantes”.
Así mesmo, os contidos de cada itinerario responden ás competencias máis demandas e necesarias para acceder a postos de traballo de calidade, e contribuír ao mesmo tempo ao desenvolvemento dos concellos.
Tres dos percorridos formativos estarán centrados no eido da informática e as novas tecnoloxías, coas especialidades de sistemas de xestión de información, seguridade informática e administración de bases de datos. De maneira complementaria, inclúese tamén un curso de 70 horas sobre manexo de aeronaves pilotadas en remoto ou drons e outro sobre redes sociais.
Por outra banda, na área do turismo ofreceranse tres itinerarios especializados en creación e xestión de viaxes e eventos, venta de produtos e servizos turísticos e promoción turística local e información ao visitante. Neste caso, os participantes recibirán tamén un curso de 50 horas sobre mercadotecnia aplicada ao turismo e realizarán un obradoiro de emprendemento cooperativo, que consistirá na creación de iniciativas que promovan destinos turísticos intelixentes.

PUBLICIDADE