A Deputación da Coruña reforza con suprimeocontrol.com o compromiso contra a violencia machista

venres, 25 de novembro do 2016 Redacción

A Deputación da Coruña é unha das entidades galegas que máis está a traballar arestora na loita contra a violencia de xénero ao abeiro das novas tecnoloxías. Froito deste compromiso, que entronca directamente coa celebración (hoxe) do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, é a iniciativa Suprime o control, posta en marcha pola Área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero. Este mes de novembro Suprime o Control estase a desenvolver nos centros de ensino dos concellos de Trazo, Touro, Malpica, Cerceda, Ponteceso, Boimorto, Dodro, Tordoia, Arzúa, O Pino e Mesía.
A iniciativa vai chegar ao longo deste primeiro curso académico a 14 centros educativos e terá continuidade nos cursos 2017-2018 e 2018-2019. Despois de se impartir en Frades, Cabana de Bergantiños e Vedra, chegou este mes de novembro (con motivo do dito Día Internacional) a un importante repunte de actividade que incluíu a vista aos centros de ensino de once concellos.
Segundo lembrou esta semana Ánxela Franco (responsábel da dita Área de Benestar Social e Educación), o programa ofrece ferramentas “coas que traballar para a construción da igualdade con especial atención á violencia machista na adolescencia e a súa reprodución na actualidade por medio das aplicacións móbiles ou as redes sociais”. Para máis información pódese consultar a súa web, suprimeocontrol.com.

PUBLICIDADE