A Deputación de Lugo activa o seu servizo de e-factura

xoves, 20 de xuño do 2013 Redacción

O presidente do organismo provincial, Gómez Besteiro, nunha comparecencia recente cos medios

A Deputación de Lugo puxo en marcha este xoves o seu servizo de factura electrónica, proceso que sitúa ao organismo provincial na vangarda deste tipo de recursos de eAdministración a nivel estatal e, segundo informa, como pioneiro a nivel galego dentro das deputacións. O novo servizo, engadiu o presidente da entidade galega, José Ramón Gómez Besteiro, permitirá que se pague aos provedores nunha media de 20 días, “o que mellorará a liquidez das empresas, ademais de aforrarlles custes e tempo”. A factura electrónica foi debullada polo miúdo en rolda de prensa por Gómez Besteiro e o deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano. Xuntos informaron que as empresas poden rexistrar xa “de maneira cómoda e sinxela” as súas facturas a través da páxina web www.deputacionlugo.org e en virtude do programa e-fácil.
Como dixemos, Llano e Besteiro fixeron fincapé na sinxeleza do proceso e no feito de que se poida levar a cabo de maneira telemática. Para tirarlle partido ao servizo, as empresas deberán premer no banner da parte superior da web provincial dende o que poden acceder á aplicación informática e rexistrar o seu recibo. A xuízo da Deputación, a seguridade do proceso está totalmente garantida, igual que a validez legal das facturas presentadas. Para o presidente, o sistema ten tres vantaxes fundamentais: rapidez para pagar aos provedores (redúcense os trámites burocráticos e axilízase o proceso administrativo das facturas, co que se acurtará de xeito importante o prazo de pago ás empresas provedoras, sendo a previsión a de baixar en 10 días o devandito prazo, co que se pasaría dunha media de 30 ás 20 xornadas), aforro de cartos e de tempo para os empresarios (evitaráselles o gasto en papel, a impresión, o pregado e, sobre todo, os desprazamentos) e aumento da transparencia da xestión (os empresarios poderán rexistrar as facturas a calquera hora, os 365 días do ano, e consultar en calquera intre da xornada o estado no que se atopa o trámite).
O deputado de Economía do Coñecemento fixo saber, na rolda de prensa, que a Deputación vai organizar a partir de mañá (até o mércores 26 de xuño) seis xornadas informativas gratuítas por toda a provincia “para amosar de maneira práctica aos nosos provedores, e ás empresas en xeral, como poden facer o rexistro electrónico das facturas da Deputación e cales son as vantaxes de escoller esta opción”. As firmas, engadiu, terán tamén á súa disposición na web do organismo provincial un manual coas instrucións para rexistrar facturas en liña, así como un número de teléfono de contacto (982-28-02-63) e un enderezo de correo electrónico (facturaelectronica@deputacionlugo.org) para consultas e obter máis información.
As xornadas arrancarán este venres no salón de plenos de Monforte con dúas sesións formativas, unha ás 5 da tarde, e outra ás 6. O vindeiro martes, 25 de xuño, haberá outras dúas en Lugo, no Centro de Innovación Social, ás 6 e ás 7 da tarde; e o mércores, 26 de xuño, celébranse outras dúas no Salón de Actos do Concello de Viveiro, ás 5 é ás 6 da tarde.

PUBLICIDADE