A Deputación de Lugo fornece 29 novos cursos TIC para maiores

martes, 22 de setembro do 2015 Redacción

A Deputación de Lugo presentou a semana pasada a programación para o último trimestre de 2015 de cursos e obradoiros de balde sobre TIC para maiores, actividades que se van desenvolver no Centro de Innovación Social InLugo e coas que se quere manter o alto nivel de participación da anterior convocatoria, “na que se inscribiron 391 persoas”. De feito, co novo feixe de cursos (29) achéganse 400 prazas. Estas accións, como dixemos, veñen da man da Deputación e, máis polo miúdo, da Fundación TIC. O novo programa vai dirixido sobre todo aos maiores da Cidade da Muralla e a súa contorna. Abordarase, entre outras cousas, o manexo do computador, a tableta ou os dispositivos intelixentes en xeral. Tamén se achegarán conceptos básicos sobre como manexármonos en Internet ou nas redes sociais.
Os obradoiros, inseridos no concepto de envellecemento activo a través das TIC, traballarán capacidades cognitivas e funcionais como a memoria, a atención, a orientación espacial ou o equilibrio co ordenador, as tabletas ou as vídeo consolas. A idea é “contribuír a reducir a ferida dixital entre este sector da poboación”, sinalou a Deputación, que engadiu que se pretende tamén “emprestar apoio a todos aqueles que desexen mellorar no emprego das novas tecnoloxías”.
Un dos elementos novos engadidos neste programa, complementándoo, é a implantación dunha serie de obradoiros curtos, de reforzo, en sesións de dúas horas os venres en horario de mañá, para mellorar e continuar coa aprendizaxe, afianzando e potenciando os coñecementos adquiridos nos cursos realizados. O responsábel de Novas Tecnoloxías da Deputación, Ramiro Moure, avanzou na presentación das actividades que a “intención de ampliar a toda a provincia os cursos e obradoiros para facilitar o uso das novas tecnoloxías a todos os maiores, con independencia do seu lugar de residencia, e pór en marcha novos servizos, que estarán a disposición de todos os lucenses de máis de 55 anos”.
As actividades comezarán o 29 de setembro na sede do InLugo. En total, serán 400 prazas repartidas en 29 obradoiros e cursos, dos que 9 xa teñen todas as prazas cubertas no día de apertura de inscricións. Para os outros, os interesados aínda poden apuntarse a través de fundaciontic.org e deputacionlugo.gal ou chamando ao número de teléfono 982 225 186. Todas estas actividades están incluídas na actuación Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación con fondos exclusivamente provinciais.

PUBLICIDADE