A Deputación de Ourense e 20 concellos facilitarán á cidadanía sen habilitades TIC a solicitude de axudas

venres, 1 de xullo do 2022 S. P.

A Deputación de Ourense, a través do seu presidente Manuel Baltar, e vinte concellos da provincia asinaron esta semana un convenio de acompañamento dixital para “facilitar a solicitude de axudas sociais a persoas sen habilidades tecnolóxicas”. O acordo Administración con acompañamento dixital permitirá aos cidadáns solicitar desde os servizos sociais do seu propio concello as axudas e apoios que ofrece a área de Benestar da Deputación. "Cero papel, cero quilómetros, cero desprazamento e cero exclusión dixital", dixo Manuel Baltar, en relación aos obxectivos do plan.
A sinatura do convenio tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde o presidente da Deputación estivo acompañado pola deputada de Reto Demográfico, Igualdade e Políticas Sociais, Luz Doporto, e mailo responsábel da área de Benestar, José Juan Cerdeira. Os concellos asinantes foron Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, O Carballiño, Entrimo, Lobeira, Lobios, Padrenda, Pereiro de Aguiar, Petín, Pobra de Trives, Sarreaus, Riós, Trasmiras e Xinzo de Limia, así como outros cinco de modo indirecto (Beariz, Boborás, O Irixo, Piñor e San Amaro) a través da Mancomunidade do Carballiño. Outros 30 concellos da provincia, segundo a área de Benestar, xa manifestaron o seu interese por incorporarse a este programa.
A veciñanza, subliñou Manuel Baltar, será atendida no seu concello "pero como se a solicitude fose tramitada pola Administración Electrónica, unindo atención persoal con tratamento dixital".
O programa comeza a funcionar este venres, 1 de xullo, e nesta semana un total de 34 técnicos municipais dos concellos asinantes están a ser dados de alta no sistema de acompañamento dixital, de xeito que ficarán acreditados para cumprimentar dixitalmente as solicitudes, imprimilas e axudar ao cidadán para que as presente fisicamente no rexistro electrónico do seu municipio.
Esta iniciativa complétase cun proxecto piloto que a vindeira semana porá en marcha a área de Benestar, coa apertura na súa sede dunha oficina con administración híbrida para cidadáns sen certificado dixital. A través de pantallas dixitais a cidadanía poderá cumprimentar a solicitude de axuda que precise, co asesoramento dun funcionario, recibindo unha copia impresa para presentala fisicamente no rexistro electrónico provincial.
Baltar tamén fixo saber que en breve porase en marcha unha segunda opción, de tal modo que unha vez cumprimentada a solicitude e previa identificación do cidadán, o funcionario poderá presentar o documento co seu certificado dixital en nome do solicitante. Ademais, crearase un grupo de traballo contra a exclusión dixital para seguir perfeccionando a resposta da Deputación “ante os aspectos máis negativos derivados da transformación dixital das administracións públicas”.
Amais, Manuel Baltar avanzou novos proxectos relacionados coa transformación dixital nos que está a traballar a Deputación de Ourense e que collerán corpo primeiros do próximo ano. Por exemplo o programa Benestar Lab, un plan dixital "que permitirá analizar en tempo real o impacto das políticas sociais prestadas o co-financiadas pola Administración provincial, un modelo de mellora continua que analizará parámetros relacionados coas solicitudes de axuda ou a prestación de servizos. Tamén falou da aplicación do concepto de Disrupción dixital a programas sociais, que terá como finalidade “avaliar a xestión do Servizo de Axuda no Fogar municipal, que a Deputación co-financiou con 8 millóns de euros nos últimos dez anos”.
Manuel Baltar anunciou ademais que se estudará a aplicación de métodos de Intelixencia Artificial na prestación dos servizos sociais, con especial atención "a todas aquelas posibilidades que mellor se adapten á nosa realidade provincial, en especial o envellecemento, a dispersión poboacional e a ruralidade".
Outra das iniciativas a desenvolver será unha proposta á Universidade de Vigo para que en 2023 se convoque, no Campus de Ourense, a primeira edición dun curso de verán sobre Intelixencia Artificial aplicada aos servizos sociais, ao que se convidaría a participar “aos mellores especialistas europeos na materia, así como institucións, entidades e empresas co fin de coñecer as últimas novidades nestes servizos que poidan aplicarse na nosa provincia", sinalou o presidente provincial, engadindo que o curso sería itinerante celebrándose cada ano nun concello que previamente o solicite.

PUBLICIDADE