A Deputación de Ourense e a ESEI crearán un laboratorio de investigación tecnolóxica

luns, 4 de abril do 2022 Anxo Sesto

A Deputación de Ourense contribuirá a potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación coa cesión de equipamento para a posta en marcha dun laboratorio de experimentación e investigación na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense. Así se reflicte no convenio de colaboración asinado entre o presidente provincial, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no marco dun proxecto para pemes baseado en tecnoloxías, dentro do programa comunitario Interreg, co-financiado con fondos FEDER.
Manuel Baltar afirmou que este novo convenio de colaboración “reforza a alianza que sempre mantivemos coa Universidade de Vigo, e que estes equipos que nos achega a Deputación van permitir alcanzar uns niveis máis altos de calidade no Campus”. Pola súa banda, Manuel Reigosa anunciou que “o ano que ven imos ter o primeiro mestrado de intelixencia artificial, que vai ser un elemento tractor de talento moi importante para a cidade e para a provincia, tanto a nivel de profesorado como de alumnado”.
O convenio asinado entre a Deputación e a Universidade de Vigo ten como finalidade a cesión de equipos para a instalación dun laboratorio de experimentación e prototipado, aprobado no marco da segunda convocatoria do programa Interreg España-Portugal. O equipamento correspóndese con tres aspectos a cubrir no proxecto: laboratorio de fabricación e robótica; kits de desenvolvemento Smart Lab; e posta en marcha dunha plataforma Smart City.
A principal finalidade do programa é potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, mellorando a participación do tecido empresarial en actividade de I+D+I e delegando en pequenas e medianas empresas traballos avanzados e actividades relacionadas co Internet das Cousas (IoT).

PUBLICIDADE