A Deputación de Ourense reuniu aos axentes de AcelerOU que axudarán á transformación dixital das pemes
luns, 16 de setembro do 2024
O pasado 13 de setembro celebrouse unha xuntanza entre o o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Marcos Valiño, xunto ao equipo de AceleraPeme, con preto dunha quincena de axentes dixitalizadores. O obxectivo da reunión foi dar a coñecer o Proxecto AcelerOU e todas as accións que se porán en marcha no marco desta iniciativa. Os ditos axentes dixitalizadores serán os encargados de dar apoio tecnolóxico ás empresas a través do dito proxecto.
AcelerOU nace no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dentro do programa AceleraPeme e que forma parte do Plan de Dixitalización de pemes 2021-2025 financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.
En palabras da entidade provincial, “esta iniciativa convértese nun paso máis no obxectivo da Deputación de Ourense de apoiar ás pemes, autónomos e emprendedores ourensáns na súa transformación dixital e modernización”. Estas empresas, persoas autónomas e emprendedoras da provincia poderán contactar coa Deputación a través das diferentes oficinas dispoñíbeis, tanto físicas como itinerante ou virtual, o seu caso (as súas demandas de transformación e dixitalización) será analizado polo equipo AceleraPeme e serán tramitadas as axudas dispoñíbeis, como é o caso dos programas estatais Kit Consulting e Kit Dixital, de Red.es. A partir deste trámite, os axentes dixitalizadores axudarán ao interesado no seguinte paso: materializar o proceso de dixitalización.
Asesoría personalizada, desenvolvemento web e de aplicacións, mercadotecnia dixital, xestión de clientes ou redes sociais son algúns dos ámbitos nos que os axentes mostraron o seu interese para apoiar aos usuarios.
Na xuntanza convidouse aos axentes dixitalizadores a formar parte dun plan complementario que inclúe xornadas, obradoiros e seminarios de sensibilización, ademais de apoio sobre tecnoloxías dixitais ou obradoiros teórico-prácticos sobre axudas de financiamento para a transformación tecnolóxica xa existente.
Ao mesmo tempo, relatorios dos axentes, formación específica ou a presenza nos expositores de AcelerOU en diferentes eventos constitúen un amplo abano de posibilidades de colaboración dentro do proxecto.