A Deputación de Pontevedra transformará con fondos europeos sete novas oficinas da rede Info Rías Baixas

xoves, 25 de maio do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra continúa coa transformación tecnolóxica da súa rede de oficinas de turismo Info Rías Baixas, integrando sete novas oficinas e puntos de información turística da rede: As Neves, Tui, Redondela, Salvaterra de Miño, O Rosal, Mondariz-Balneario e Ponteareas.
“Queremos que todas as oficinas sexan modernas, estean dixitalizadas e ofrezan unha atención moi directa á xente que pase por elas, para que xere benestar e, ademais faga que se vaia encantada”, asegurou a presidenta Carmela Silva.
Esta iniciativa, enmarcada no proxecto Tourist Inside II da entidade provincial, conta cun orzamento de 519.000 € e unha achega de 300.300 € dos fondos europeos Next Generation.
Ao longo destes meses comezará a modernización destes sete espazos, nos que se vai incorporar un computador e unha tableta para a recollida de enquisas de satisfacción e interacción coas persoas visitantes para mostrar os contidos turísticos da provincia.
Ademais, no caso de Redondela, O Rosal, Tui e As Neves instalaranse pantallas, que nuns casos irán ancorada á parede e noutros con soporte de pé, e, adicionalmente, as oficinas de Redondela e Tui dotaranse de impresoras braille.
Por outra banda, en puntos destes concellos instalaranse un total de 50 beacons, dispositivos de miúdo tamaño que emiten sinais cara os smartphones e que se empregarán para enviar anuncios ou mensaxes sobre recursos turísticos e sobre a zona na que se atopan. Serán 12 en Ponteareas, 5 en Mondariz-Balneario, 13 en Redondela, 4 en Salvaterra, 6 no Rosal, 14 en Tui e 8 nas Neves.
A creación da rede Info Rías Baixas foi, tal e como explicou Carmela Silva, “un grande proxecto que pon ao turismo no centro, moi centrado na excelencia e a calidade da atención ás persoas que nos veñen visitar”. A incorporación das novas tecnoloxías e ferramentas dixitais a estas oficinas, no marco do Tourist Inside II continúa o traballo iniciado xa con Tourist Inside, co que, en palabras da presidenta, “puxemos en marcha grandes proxectos de modernización sobre todo nos destinos turísticos máis relevantes”.

PUBLICIDADE