A E1 pretende ser a cámara 4K con obxectivos intercambiables máis compacta do mercado

luns, 20 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Jason Zhang, un profesional da fabricación de cámaras dixitais, leva un tempo desenvolvendo unha cámara de pequeno tamaño (na liña das GoPro) pero orientada ao aproveitamento de obxectivos de cámaras réflex ou micro catro terzos, conseguindo así imaxes de grande calidade conseguindo tamén unha grande versatilidade. Deste xeito chegou ao concepto da súa cámara E1, que en poucos días conseguiu completar o seu financiamento en Kickstarter, e que en novembro pretende converterse en realidade.
A cámara E1 aspira a ser a cámara de ultra alta definición con obxectivos intercambiables máis cativa do mercado e cun prezo asumible (neste momento a cámara pode conseguirse solta por 599 dólares e por 799 dólares cun obxectivo de 14 milímetros e F2.5). Permite montar obxectivos de fabricantes como Olympus, Panasonic Lumix, Leica e Sigma, conta con conectividade Wi-Fi N e Bluetooth 4.0 para facilitar o seu control a través de aplicacións para iOS e Android, pode gravar vídeo a 4.096 x 2.160 píxeles e 24 cadros por segundo, traballa en modos de alta sensibilidade (até un IOS de 102.400) e a súa batería permitiríalle gravar vídeo de ultra lata definición durante até 80 minutos co Wi-Fi desactivado (45 minutos co Wi-Fi activado). A cámara terá unhas dimensións de 75,2 x 56,1 x 50,25 milímetros e un peso de 209 gramos (coa batería incluída), características que permitiríalle o seu uso en paus de selfie, pequenos trípodes que poderían colocarse en posicións bastante complicadas e incluso podería instalarse nalgúns drons, para poder facer unhas gravacións de calidade dende o aire.

A cámara E1 pode funcionar con obxectivos Lumix, Olympus, Leica e Sigma

PUBLICIDADE