A Escola de Telecomunicación da UVigo conmemora o centenario dos seus estudos

venres, 24 de abril do 2020 Redacción

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo sumouse este venres 24 de abril á celebración da Enxeñaría de Telecomunicación, que festexa estes días, contra vento, marea e crises sanitarias, o centenario da súa creación. A escola conmemora estes cen anos de historia poñendo de relevo “a importancia das telecomunicacións na sociedade actual”. En palabras de Íñigo Cuiñas, director da escola, “a evolución da titulación vai moi en paralelo á evolución da tecnoloxía, e con ela, da sociedade neste século”.
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación e a Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación, en colaboración cos centros universitarios que imparten o título de Mestrado Universitario en Enxeñaría de Telecomunicación, entre eles o da Universidade de Vigo, tiñan previsto unha serie de eventos que debido ao coronavirus tiveron que ser aprazados. Porén, a crise sanitaria actual non impide lembrar esta efeméride e destacar como esta “non celebración” é tamén unha “celebración” do dito aniversario, explica Cuiñas, salientando que “grazas á telecomunicación a nosa sociedade está a manter unha actividade académica, laboral e social nun período no que non debemos saír dos nosos fogares”.
Unha ollada ao pasado e ao presente
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, lembra o seu responsábel, naceu en 1985 como Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación, daquela adscrita á Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Vigo. “Foi un centro creado para impartir unha única titulación, a de Enxeñaría de Telecomunicación, que daquela só se impartía na Universidade Politécnica de Madrid e na Universidade Politécnica de Cataluña”, comenta Íñigo Cuiñas. A creación desta escola en Galicia, subliña o seu director, “supuxo a primeira oportunidade para formar enxeñeiros e enxeñeiras de Telecomunicación fóra dos grandes polos económicos e políticos de España, supuxo o achegamento das novas tecnoloxías e da modernidade a Galicia e ao noroeste peninsular en xeral e unha oportunidade que a industria foi quen de aproveitar desenvolvendo capacidades e proxectos que non existirían noutras circunstancias”. Nos primeiros anos trala súa creación, a EE de Telecomunicación “foi un fervedoiro de novas, de ideas, de proxectos, de iniciativas...”. O paso do tempo, sinala, “trouxo a madurez e con ela un pouso de experiencia sumado á iniciativa e a capacidade que tiña inicialmente”.

PUBLICIDADE