A FEGAUS achega as TIC aos nosos maiores con máis de 20 seminarios en liña

mércores, 10 de febreiro do 2021 Sandra Rivadulla

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (FEGAUS), organiza un programa formativo que conta con máis de 20 seminarios online de arredor de 60 minutos, co obxectivo de apoiar o uso das novas tecnoloxías. Isto englóbase no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O proxecto consiste en xerar actividades e recursos formativo-informativos de valor para empoderar ás persoas maiores a través do uso das novas tecnoloxías na súa vida cotiá, favorecendo un envecellemento máis activo e a mellora na calidade de vida.
Nesta iniciativa colabora a Rede CeMIT. É por iso que as actividades se retransmitirán por vídeo-conferencia a través das aulas repartidas por todo o territorio galego para amplificar o alcance das accións e mellorar a capilaridade destas cara ás contornas rurais. Tamén existe a posibilidade de seguir as clases online dende os fogares, sen necesidade de desprazamentos.
En canto ós contidos formativos, aínda que están destinados ás persoas maiores, están abertos ao público en xeral dado o grao de interese. As sesións terán un carácter interactivo e dinámico, podendo realizar consultas en caso de dúbida ou calquera outra intervención que se precise.
Os ciclos que se impartirán tratarán sobre diferentes temas que estarán relacionados coas TIC, coas emocións e co pagamento a través de Internet. As actividades son de balde e emitiranse durante os meses de febreiro a maio de 10:30 a 11:30 horas.
Os interesados en acudir de forma presencial deberán formalizar as súas inscricións a través da web do CeMIT e poñerse en contacto cos responsables das aulas. Mentres, os usuarios que queiran seguir as clase online, terán que inscribirse na web de FEGAUS.

PUBLICIDADE