A FIC acolle este xoves unha conferencia do creador do renacido Grupo San Luis

mércores, 16 de outubro do 2013 Redacción

O establecemento de San Luís na Praza de Pontevedra da Coruña anunciando a súa reapertura / Imaxe de El Ideal Gallego</A>

A Aula de Graos da Facultade de Informática da Coruña (FIC) acollerá este xoves 17 ás 12:30 horas a conferencia do empresario Lorenzo López Vázquez, titulada Coñece as empresas da túa contorna: Grupo Empresarial San Luís. Lembrar que Lorenzo López Vázquez é o empresario que fundou o grupo empresarial San Luís (referencia na venda de electrodomésticos, aparellos electrónicos e informáticos) na década dos setenta na Coruña, grupo que máis tarde tomou a decisión de vender para retomalo de novo recentemente. Segundo informa a FIC, o relator exporá os motivos polos que decidiu volver mercala nesta época de crise económica e o seu proxecto de reapertura, incluíndo unha serie de innovación tecnolóxicas que convén seguir moi de preto.
Comentará tamén a súa visión sobre a colaboración coa Universidade da Coruña. Volvendo á reapertura do dito grupo,
dicir que se vai facer a través do que deixou Darty trala súa marcha, a filial da corporación británica Kesa que se fixo con San Luís e o seu tecido de establecementos en 2007, recentemente pechados por Darty por mor da súa decisión de deixar España. A intención de Lorenzo López é reabrir e manter a actividade en todas estas tendas (incluída a da praza de Pontevedra da Coruña, na que moitos veciños puideron ver xa estes días a mensaxe de “estamos de volta”), dando traballo a un cento de empregados, dos que uns sesenta proveñen do equipo de Darty. O Grupo San Luís, nado no barrio coruñés dos Mallos, está a centralizar xa a súa distribución dende Bergondo, continuando cos mesmos provedores cos que contaba Darty.

PUBLICIDADE