A Facultade de Informática da Coruña acolle hoxe o novo curso sobre Scratch do CPETIG

venres, 22 de abril do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), a Facultade de Informática da Coruña (FIC) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) celebran hoxe o seu curso sobre a ferramenta Scratch para formadores, actividade que xa anunciamos os días pasados dende Código Cero salientando o seu potencial educativo (o obxectivo é afianzar a programación nas aulas) e, tamén, as posibilidades que se abren con Scratch entre as novas xeracións: introdúcense con paso firme na construción (lúdica á par que educativa) da Sociedade do Coñecemento.
O curso desenvolverase en horario de 15.00 a. 19.00 e está dirixido a colexiados do CPETIG e CPEIG, ao profesorado e alumnado da FIC e ao profesorado non universitario co fin de dotalos dos coñecementos e ferramentas necesarias para que poidan actuar como formadores en eventos relacionados con Scratch. A actividade sitúase ao abeiro do marco da colaboración AMTEGA-CPETIG, do que veñen abrollando, nos últimos anos,diferentes cursos e xornadas sobre Scratch para difundir os valores da programación informática entre os nenos, os seus pais e os seus formadores.
Esta sesión formativa contará coa participación da asociación Programamos. O obxectivo fundamental desta asociación é promover o desenvolvemento do pensamento computacional dende idades temperás a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles en todas as etapas escolares, dende educación infantil ata formación profesional.

PUBLICIDADE