A Game Drive para PS4 de Seagate permite transportar comodamente a nosa colección de xogos

xoves, 10 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Seagate comercializa discos duros externos optimizados para o seu uso en consolas de videoxogos como un xeito de ampliar a capacidade interna da máquina, contando con versións para Xbox One e para PlayStation 4, e a partires de hoxe a Game Drive para PS4 de 2 TB está dispoñible en Reino Unido, Alemaña e Rusia, onde espérase que o produto teña un grande éxito comercial, xa que o seu formato permítelle alimentarse directamente pola propia comunicación USB que ten coa consola á vez que tamén pode transportarse comodamente grazas aos seu pequeno compacto.

Este dispositivo, que conta con licenza oficial de Sony, é doado de empregar xa que a consola recoñece automaticamente a unidade (e o funcionamento é óptimo xa que a Game Drive está deseñada co mesmo firmware que a unidade de disco interna da PS4).
Que o seu deseño presente o logotipo de PlayStation no seu exterior axuda a identificar o disco duro, no que poden almacenarse aproximadamente 50 xogos, que só serán accesibles coa conta de usuario coa que se transferiu tal contido (ou sexa, que os xogos poden levarse dunha consola a outra, pero será preciso identificarse nas distintas consolas coa mesma conta de usuario).

Para os que queiran contar cunha unidade como esta, pero sen certificar polas marcas PlayStation ou Xbox, Seagate vende unha unidade de disco de 2 TB de capacidade a un prezo duns 90 euros, que tamén é unha boa opción para ampliar a capacidade de almacenamento da PS4 e para poder levar os nosos xogos á casa dos amigos sen ter que cargar con numerosos e voluminosos soporte físicos.

PUBLICIDADE