A Go Retro! Portable será unha especie de Game Boy con xogos de recreativa precargados

luns, 15 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Tras o éxito da NES mini e a Super Nintendo mini todo apunta a que o vindeiro produto retro de Nintendo será unha Game Boy que namore aos nostálxicos, e aproveitando o posible rexurdir do produto dende Retro-bit amosaron no CES de Las Vegas nos últimos días unha nova consola portátil que pode ter moi boa acollida: a Go Retro! Portable.
Estamos ante unha máquina cunha aparencia claramente inspirada na Game Boy de Nintendo, que en vez de funcionar con cartuchos de consola opta por incluír máis de 350 xogos precargados de máquinas recreativas de compañías como Capcom, Jaleco, Data East, Irem... ou sexa, que permitiría lembrar dende o Joe & Mac Caveman Ninja até o Street Fighter nunha pequena pantalla LCD retroiluminada. O dispositivo tería unha batería recargable cunha autonomía de até 7-10 horas e o seu prezo sería duns 34,99 dólares, o que podería ser o bastante axustado para converterse nun produto de compra impulsiva ou nun magnífico agasallo de cara ao Nadal. Está previsto que chegue ao mercado estadounidense en setembro, descoñecéndose polo momento se terá distribución europea.

A Go Retro! Portable chegaría en dúas cores distintas combinando un formato familiar para o público cun catálogo de xogos moi atractivo

PUBLICIDADE