A IA na educación será un dos eixes temáticos do Congreso FP Innova Galicia que arrinca este mércores
martes, 25 de marzo do 2025
Unha trintena de representantes dos departamentos educativos de todos os gobernos autonómicos, do Ministerio de Educación, FP e Deportes e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participan desde este 26 de marzo no Congreso FP Innova Galicia 2025. Neste evento, que se celebra ata o 28 de marzo na Cidade da Cultura, alumnado de Formación Profesional de 35 centros de todo o territorio galego darán a coñecer os seus proxectos innovadores e de emprendemento.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, dálles a benvida esta tarde nunha recepción en Santiago de Compostela. “A nosa FP é un orgullo para Galicia e esta feira, que este ano chega á súa sétima edición, é unha oportunidade única para dar a coñecer as súas potencialidades e para poñer en valor o traballo que docentes e alumnos fan a diario para situarse como referentes estatais nestas ensinanzas”, afirmou, engadindo que entre os convidados atópanse a secretaria xeral de FP do Ministerio, Esther Monterrubio, e o conselleiro de Educación e Universidades de Baleares, Antoni Vera, ademais de viceconselleiros, secretarios e directores xerais.
Está prevista a concorrencia de arredor de 700 persoas entre docentes, representantes de centros de ensino de outras comunidades e do mundo empresarial.
A primeira mesa redonda, Innovando cara a FP do segundo cuarto do século XXI, contará coa participación da directora xeral de FP da Xunta, Eugenia Pérez; do viceconselleiro de Formación Profesional e Cualificacións Profesionais de Canarias, Francisco Rodríguez; da directora xeral de Formación Profesional da Comunidade Valenciana, Marta Armendia Santos, e da directora xeral de Formación Profesional de Baleares, María Isabel Salas. Ademais, o director do Instituto de Investigación en Inteligencia Artificial do CSIC, Carles Sierra, impartirá o relatorio A IA como motor da innovación educativa. Nesta xornada de formación reflexionarase sobre a necesidade da FP de adaptarse aos cambiantes requisitos da contorna produtiva, así como sobre o impacto das tecnoloxías disruptivas nos novos perfís profesionais, como é o caso das tecnoloxías inmersivas ou a IA. Tamén se abordarán as novidades na Formación Profesional cara ao próximo curso académico.
Espazo expositivo
Os representantes das administracións autonómicas terán a oportunidade de visitar os 4.100m² do espazo expositivo da feira, onde poderán coñecer de primeira man preto de 60 iniciativas de centros de toda Galicia, tanto de innovación, que abranguen as tecnoloxías máis avanzadas dos distintos sectores produtivos, como de emprendemento, postos en marcha ao abeiro do Plan Eduemprende.
Tamén poderán probar os simuladores inmersivos que xa se están a empregar nos centros en relación coas distintas familias profesionais e interactuar co orientador profesional virtual OPI Orienta, realizando consultas sobre os estudantes e relacionándose co seu holograma adestrado con IA.
Está previsto que FP Innova Galicia 2025 reciba a visita de preto de 11.000 persoas entre público xeral, participantes na xornada de formación e alumnado dos 218 centros inscritos como visitantes.
Estes rapaces, dos últimos cursos de Primaria, ESO, Bacharelato e FP, poderán participar tamén activamente nunha quincena de obradoiros sobre biotecnoloxía, creación de contidos mediante IA, robótica, videoxogos, Realidade Virtual e Aumentada e impresión 3D, entre outros. O obxectivo é “que poidan experimentar en primeira persoa coas novas tecnoloxías e as innovacións nos distintos ámbitos da Formación Profesional e coñezan as posibilidades que esta lles ofrece”, explicou a Consellería, engadindo que FP Innova Galicia 2025 ficará aberto ao público xeral de xeito gratuíto en horario de 10,00 h a 14,00 h e de 16,00 h a 19,00 h, os días 26 e 27 e a maña do 28 de abril.