A Nikon 1 V3 preséntase como unha das cámaras máis rápidas do mercado

xoves, 13 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A Nikon Corporation presentou hoxe a súa nova Nikon 1 V3, unha completa cámara dixital con obxectivos intercambiables e tamaño compacto que busca conseguir unha boa calidade de imaxe á vez que pode transportarse con comodidade. Este tipo de cámaras conseguen uns resultados semellantes ao das réflex, e incluso gozan poden superalas en moitos aspectos grazas á integración do último en tecnoloxía de imaxe.
A Nikon 1 V3, cun sensor CMOS de 18,4 Mpíxeles e un procesador de imaxe EXPEED 4A, pode seguir a obxectos en movemento grazas a un sistema de enfoque de 105 puntos no modo de enfoque automático con detección de fase, mentres que ao empregar detección de contraste o número de puntos de enfoque chega ata 171. Amais, esta cámara presume de ser a máis rápida do mundo en disparo continuo con enfoque automático, xa que é capaz de disparar ata 20 imaxes por segundo deste xeito (subindo ata 60 imaxes por segundo cando fixamos o enfoque). Tamén sería a cámara co menor retardo do mercado en disparar 3 imaxes seguidas, polo que entendemos que resulta ideal para rexistrar obxectos en movemento.
Estamos ante a primeira cámara da familia Nikon 1 en integrar unha pantalla LCD de ángulo variable, que permite disparar dende calquera ángulo, á vez que permite tamén disparar dende a pantalla táctil e inclúe tamén Wi-Fi para facilitar a transferencia de imaxes de alta calidade.


Vídeo de presentación da Nikon 1 V3

PUBLICIDADE