A OCU pon a exame o Súper de Amazon: promete pero hai cousas que mellorar

venres, 9 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Amazon está a abrir unha serie de tendas en liña que malia que nun principio se meten de cheo en sectores que non lle son propios nin naturais, semella que van collendo certo pulo no mercado dixital. Estas tendas, agrupadas baixo o nome común de Súper Amazon, van chegando cada pouco (recentemente falamos dos establecementos de alimentación e limpeza postos en marcha en España e hoxe mesmo da apertura en Estudos Unidos dunha tenda en liña de artesanía) e subministrando diferentes partes dun conxunto final. Malia este fornecemento non integral, os usuarios xa comezan a facerse unha opinión. Dende a Organización de Consumidores e Usuarios veñen de avaliar con lupa esta nova póla de actividade de Amazon. Na súa opinión, o supermercado en liña promete, “pero debe mellorar”. De feito, sinalan, “malia ter moitas vantaxes, non semella aínda un competir real”, polo que é de supor “que o mellor pode estar por chegar”.
Para a organización, malia o potencial que amosa, a iniciativa de Amazon non é quen (polo de agora) de quitar mercado nin aos outros portais web especializados no mesmo nin ás tendas físicas de alimentación. Polo tanto, engade a OCU, trátase dun esforzo meritorio que aposta en boa medida polo comercio local (mesmo polo comercio galego) pero ao que lle falta aínda o empuxe preciso para ser “unha alternativa real”. E detalla a organización: “O novo supermercado de Amazon é prometedor e ten puntos moi positivos, pero aínda lle falta incrementar o número de categorías de produtos para poder ser unha alternativa completa para un consumidor que queira mercar ese tipo de artigos na Rede”.
Asemade, para os consumidores unidos tamén amosa unha serie de eivas no que se refire á ordenación das referencias para que os clientes sexan quen de atopar os produtos sen necesidade de empregaren o buscador. “Para isto”, explica a OCU, “Amazon poderíase servir de sistemas que xa aplican outros establecementos en liña; de acadalo seríalle máis doado atraer a máis fabricantes que queiran vender os seus produtos nesta popular plataforma dixital”. Por agora, conclúen, Amazon fica nunha opción máis para mercar artigos envasados e con caducidades longas.

PUBLICIDADE