A Oficina de Promoción Tecnolóxica da Cámara da Coruña comeza a súa actividade

mércores, 15 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

A Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área de influencia que promove a entidade cameral da cidade xa se atopa en funcionamento. Na mañá deste 15 de marzo o presidente da Cámara, Antonio Couceiro, inaugurou o espazo situado na sede da entidade e onde o novo xerente, Daniel Tafalla Carreira, xa comezou a súa actividade.
A Oficina ten como principal obxectivo captar e atraer investimento tecnolóxico e industrial, principalmente no contexto da Industria 4.0. Couceiro destacou que para el “é un orgullo que este proxecto, nacido nesta Cámara, pero froito da colaboración entre institucións e que transcende a todo o ecosistema empresarial, arrinque a súa andaina con este apoio e con esta ambición”. A Cámara conta co respaldo da Autoridade Portuaria e o Concello de Carballo e da Universidade da Coruña, integrada no Patronato de la Fundación que xestionará a Oficina.
O Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa Área de Influencia parte dunha profunda análise da economía coruñesa, que pon de manifesto a progresiva perda de peso do sector industrial na zona, fronte a un sector terciario que foi gañando protagonismo. O estudo sinala que “un sector industrial potente resulta unha peza clave para o desenvolvemento dunha economía moderna e para a xeración de emprego”.
Deste xeito, o Plan propón tres grandes obxectivos: mellorar os factores básicos de localización industrial, mellorar a competitividade da industria local que garanta a súa supervivencia e localización na área metropolitana, e conseguir un maior grao de proactividade na atracción de investimentos industriais para a área.

PUBLICIDADE