A PS4 contará con auriculares estéreo con redución de ruído

martes, 3 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Para poder xogar en liña gozando de bo son e conversando á vez con outros xogadores é habitual o uso de auriculares con micrófono, e para atender a esta demanda Sony vai pór á venda o 9 decembro a un prezo de 89,99 euros uns novos auriculares estéreo que integran a tecnoloxía AudioShield con redución de ruído que pretenden illar ao usuario de son molestos que poidan rodealo para somerxerse máis nas aventuras que vive na súa PlayStation 4.
Estes novos auriculares contan cunha batería recargable para a función de redución de ruído que dura unhas 15 horas e pode recargarse co cable USB incluído na súa caixa. Aparte dos auriculares (que son compatibles con smartphones e tabletas para realizar chamadas) tamén inclúe un botón de chamada e botóns de control de volume, para facilitar o seu uso durante as nosas partidas en liña. Para facelos máis cómodos inclúen almofadiñas intercambiables de tres tamaños distintos.
Cómpre destacar que este periférico é compatible tanto co mando sen fíos DUALSHOCK 4 e con tomas de auriculares estándar.

Vídeo promocional dos novos auriculares de Sony para PS4

PUBLICIDADE