A PS5 contará con novos accesorios

xoves, 25 de maio do 2023 Marcus Fernández

Durante o PlayStation Showcase da pasada noite Sony anunciou un par de accesorios para PlayStation 5 que serán especialmente relevantes, aínda que tardaremos meses en velos no mercado. Falamos de Project Q, unha especie de consola portátil con pantalla de 8 polgadas que presenta unha ergonomía semellante á dos mandos oficiais da PS5 pero que non corre os xogos en local, senón que tira proveito do xogo en remoto para permitir gozar dos xogos de consola nunha pantalla cativa que poidamos levar a case calquera recanto con conectividade sen fíos. Esta solución permitiría gozar de xogos en Full HD a 60 imaxes por segundo, polo que a experiencia sería moi superior á que actualmente ofrecen consolas portátiles como a Nintendo Switch.
O outro accesorio presentado serían os primeiros auriculares oficiais sen fíos para PlayStation 5 en formato intrauditivo, que destacan por incorporar Bluetooth para facilitar a comunicación co móbil e co PC, pero tamén tecnoloxía de transmisión sen fíos sen perda e con baixa latencia para a consola, conseguindo así unha experiencia de xogo máis inmersiva.

Vídeo no que ofrecen un adianto dos novos accesorios para PS5

PUBLICIDADE