A Panasonic Lumix FZ48 conta con controis manuais durante a gravación de vídeo

venres, 22 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Para atender á crecente demanda de cámaras dixitais de altas prestacións e manexo sinxelo, chega a Panasonic Lumix FZ48, unha cámara de tipo bridge que conta cun sensor de 12,1 Mpíxeles capaz de disparar fotografías de ata 3,5 Mpíxeles mentres se grava vídeo coa propia cámara e que conta cun xeneroso zoom de 24 aumentos, así como un recubrimento especial na lente para evitar reflexos e brillos molestos.
Pero o máis destacable da Panasonic Lumix FZ48 é que pode gravar vídeo a 1.080i en AVCHD facilitando o uso dalgúns controis manuais durante o proceso, o que normalmente era propio de cámaras de vídeo. Tamén permite aplicar modos creativos ao vídeo que normalmente só estaban dispoñibles para os modos de disparo fotográfico.
A cámara ten un procesador de grande velocidade que contribúe a un mellor enfoque, pode disparar 4 fotografías por segundo a máxima resolución e ata 10 imaxes por segundo a 3 Mpíxeles e incluso permite tomar fotografías estereoscópicas grazas a un modo de disparo que cada día é máis habitual nas cámaras dixitais.

PUBLICIDADE