A Sala X de Pontevedra súmase á #MuseumWeek

luns, 30 de marzo do 2015 Redacción

O espazo expositivo Sala X, pertencente á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, vén de sumarse neste ano 2015 á semana #MuseumWeek, un evento promovido desde a rede social Twitter, onde uns tres milleiros de museos e salas de todo o mundo amosan os seus contidos e proxectos. No caso da Sala X, o gran obxectivo dos seus impulsores coa súa participación no evento é facer medrar a súa presenza nas redes sociais, impulsar a interrelación con museos e institucións culturais e, como é natural, dar a coñecer a actividade da sala galega entre o público “próximo e distante”.
Segundo informa a Universidade de Vigo, a presenza do espazo expositivo pontevedrés na devandita cita internacional (que vai pola súa segunda convocatoria, impulsada por xestores de redes sociais de entidades culturais e museos franceses, coa colaboración de Twitter) foi idea da alumna e bolseira da sala Rocío Osorio, que apunta que os chíos (moitos) que ao longo desta semana veñen publicando dende a Sala X van dirixidos a lograr que a sala se coñeza a nivel local e nacional. Na súa opinión, “tendo en conta que só contamos cunha conta en Twitter desde hai tres meses, a cousa está funcionando ben”. De feito, dende o pasado luns a sala está a rexistrar “unha intensa actividade”, o que está a contribuír “a aumentar a interacción co pequeno grupo de seareiros que temos polo de agora e supón tamén unha axuda á hora de dar a coñecer a sala dentro e fóra de Pontevedra e tamén entre os museos”.
Segundo se explica dende a Universidade de Vigo, contribuír a que os museos e espazos expositivos poidan chegar cada vez a un público máis amplo é o propósito central desta MuseumWeek, que se desenvolve entre os días 23 e 29 e na que se propoñen aos participantes unha serie de eixos temáticos para as mensaxes que vaian difundindo cada día da semana.

PUBLICIDADE