A Sociedade da Información como suposto método anticrise, a debate nos encontros da Fundación Carlos Casares

venres, 14 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Unha das anteriores edicións destas xuntanzas sobre coñecemento e sociedade

O concello pontevedrés de Mondariz-Balneario vai acoller os vindeiros días unha xuntanza de reflexión social que nos colle ben de preto. Estamos a falar da novena edición dos Encontros sobre Humanización e Novas Tecnoloxías, un evento que este ano centrará unha boa parte dos seus contidos en avaliar en que situación fica e ficará o coñecemento nun contexto xeralizado de crise. Dito doutro xeito: afondarase en até que punto é certo que os países que logren saír antes desta focha produtiva serán finalmente os que máis aposten pola creatividade, a información e o talento. Contarase para o desenvolvemento das actividades incluídas no programa coa presenza de persoeiros da cultura e da análise social e política como Darío Villanueva, Javier Echevarría, Haizam Amirah Fernández, Younes M´Jahe, Domingo Docampo e o blogueiro galego Enrique Dans.
Os encontros, que veñen da man da Fundación Carlos Casares, tamén se dirixen a pór de manifesto as eivas da globalización, eivas que ao longo dos últimos quince anos veñen xerando unha desigualdade importante nos fluxos de riqueza, todo inserido nun proceso de cambio que “está a modificar os conceptos de identidade local, etnicidade e nacionalidade”, informan os organizadores do evento. Esta nova edición da xuntanza, engaden, vai ser unha boa ocasión para reflexionar sobre a Sociedade da Información, a través da longa listaxe de preguntas que se achegan tamén ao eido político, “pois o espallamento das TIC e a súa asunción e práctica por culturas que en principio non comparten o grao de desenvolvemento dos países industrializados están remexendo un estatus quo que se pensaba sólido”. Todo isto está na raizame da caída dos réximes ditatoriais da beira sur do Mediterráneo, onde a mocidade está a coller as rendas do rumbo social e mesmo do político.
Respecto ao formato elixido das sesións, dicir que se aposta, un ano máis, polo diálogo libre e aberto, diverso (de aí o interese por xuntar, baixo un mesmo tempo, a persoas procedentes de eidos ideolóxicos diferentes). Os encontros, contan dende a Fundación Carlos Casares, teñen como alicerce a relación entre a nosa terra e o mundo global, constituíndose como unha fonte de pensamento e reflexión plural sobre as cuestións que afectan á nosa sociedade.
A continuación damos conta do programa da xuntanza, que comeza como dixemos o luns 17 de outubro.

Luns, 17 de outubro
· Chegada dos participantes ao Balneario de Mondariz
22.00: Cea libre

Martes, 18 de outubro
· 9.15: Almorzo
· 10.00-13.00: Primeira sesión
Salón Pardo Bazán
DARÍO VILLANUEVA
Os nativos dixitais
Moderador: Gustavo A. Garrido
· 13.30. Acto de inauguración
Salón Infanta Isabel
· 14.30: Xantar inaugural
Salón Genaro de la Fuente
· 17.00-20.00: Segunda sesión
Salón Pardo Bazán
JAVIER ECHEVERRÍA
Das comunidades do coñecemento ás cidades do coñecemento
Moderador: Avelino Muleiro
· 22.00: Cea libre

Mércores, 19 de outubro
· 9.15: Almorzo
· 10.00-13.30: Terceira sesión
Salón Pardo Bazán
HAIZAM AMIRAH FERNÁNDEZ
Información, poder e democracia nas dúas beiras do Mediterráneo
Moderador: Javier Pérez Carrasco
· 14.30: Xantar ofrecido polo Concello de Mondariz-Balneario
· 17.00: Faladoiro aberto
Os hábitos tenolóxicos e o poder
Salón Pardo Bazán
LOIS RODRÍGUEZ ANDRADE
LUIS CUNTÍN
HÅKAN CASARES BERG
· 20.00: Sesión pública
Salón Pardo Bazán
YOUNES MJAHED
Información e redes sociais no mundo islámico
Moderador: Luis Menéndez
· 22.00: Cea libre
Xoves, 20 de outubro
· 9.15: Almorzo
· 10.00-13.30: Cuarta sesión
Salón Pardo Bazán
ENRIQUE DANS
Política e disrupción: unha sociedade diferente
DOMINGO DOCAMPO
Arredor da lectura dixital
Moderador: Luis Cuntín
· 13.30: Acto de clausura e despedida dos convidados

PUBLICIDADE