A Surface Go con LTE por fin ao alcance do consumidor

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

O ano pasado a tableta Surface Go de Microsoft púxose á venda en España en pleno verán, na súa versión normal, chegando o 22 de novembro a súa edición con conectividade LTE Advanced, pero só para o público profesional, limitación que por fin desaparece, de xeito que calquera usuario pode mercar xa a Surface Go con conectividade móbil a un prezo de 729 euros.
Concretamente falamos dun modelo con procesador Intel 4415Y, 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, que grazas á súa pantalla de 10 polgadas, a un peso de 522 gramos e a unha autonomía de até 9 horas pode ser unha solución interesante para quen precisa dun produto híbrido entre tableta e ordenador portátil, que sexa especialmente transportable.
Cómpre lembrar que o Surface Go véndese solto, ou sexa, que a súa funda con teclado (129,99 euros) e o lapis dixitalizador (109,99 euros) hai que mercalos por separado, polo que non é un produto precisamente económico, de xeito que a súa compra estaría recomendada principalmente para usuarios profesionais que valoran especialmente a transportabilidade do produto.

PUBLICIDADE