A Surface Go estreará en España modelo con 4G a semana que vén

xoves, 15 de novembro do 2018 Marcus Fernández

O pasado verán chegou a España a tableta Surface Go de Microsoft, que supón a porta de entrada a esta familia de produtos que van medrar a semana que vén, xa que adiantan que o 22 de novembro van pór á venda a Surface Go con LTE Advanced, ou sexa, unha versión da tableta con Windows 10 Pro que goza de conectividade 4G, o que resulta moi práctico para traballadores que están sempre en constante movemento e en contacto cos clientes, de xeito que non contan sempre con conectividade Wi-Fi (e sen ter que esgotar a batería do smartphone montando un punto de acceso Wi-Fi co que compartir a banda larga móbil).
Esta nova Surface Go con LTE Advanced partirá dun prezo de 779 euros e claramente está orientado a usuarios profesionais que queiran contar cunha tableta compacta e transportable coa que poidan contar coas prestacións completas dun ordenador persoal.

PUBLICIDADE