A Tecnópole presenta o seu pioneiro campamento tecnolóxico de verán, en colaboración con R

xoves, 23 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) presentou esta semana unha interesante iniciativa para a nosa mocidade que xunta e harmoniza dous conceptos sobre o papel contrapostos (aínda que non sempre): formación e lecer. Asemade, habería que engadir un terceiro ingrediente: orixinalidade. E tanto que é así, xa que segundo a dirección do complexo empresarial, os Tecnópole Technological Workshops (T2W), así se fan chamar estas actividades, representan case os primeiros campamentos tecnolóxicos de verán que se celebran na nosa terra. Estes obradoiros desenvolveranse na primeira quincena de xullo –cunha duración de dez xornadas activas– e estarán dirixidos a 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. A actividade conta co patrocinio da operadora de cable galega R.
Segundo engade a Tecnópole, os talleres son en boa medida un complemento estival a Galiciencia (a feira de científicos novos promovida pola propia Tecnópole). De feito, os participantes traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posíbel, a formación incluirá nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na vindeira edición de Galiciencia, no mes de novembro. A inscrición está aberta a estudantes galegos, sen restricións, aínda que se fará fincapé en atraer, por proximidade, a aqueles que residan no verán na provincia de Ourense.
As actividades do campamento están deseñadas en función das idades dos participantes, con dous programas diferentes para os treitos de idade 12-15 e 15-18. Os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten “no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade”, informa a Tecnópole. Asemade, “preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público e a práctica do inglés, etc”. Polo que atinxe aos monitores e profesores que se van encargar de dirixir as actividades, sinalar que “son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se van desenvolver na academia, aplicando unha metodoloxía dinámica, de participación, flexíbel, integradora e adaptada a cada tipo de idade”. Todas as actividades levaranse a cabo en equipo (mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade), fomentando a aprendizaxe a través do xogo e mesmo das experiencias deportivas ao ar libre, como natación, tenis ou atletismo. O custo por participante será de 290 euros con todo incluído, dende o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense ata a comida e todas as actividades. Haberá descontos por inscrición temperá e para as familias que anoten a dous ou máis participantes.

PUBLICIDADE