A Tecnópole recibe a exposición As mulleres que nos levaron á Lúa

mércores, 2 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

O Parque Tecnolóxico de Galicia, en colaboración coa Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España, acolle estes días a exposición As mulleres que nos levaron á Lúa, que poderá visitarse até mediados de febreiro en Tecnópole (na entrada do edificio CEI). Forma parte do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, e ten como principal obxectivo lograr que aumente a proporción de alumnas que elixen especialidades de Ciencias ou Tecnoloxías, e consecuentemente, carreiras da rama científica ou matemática.
A iniciativa está promovida por Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras do Campus de Ourense; Encina Calvo, da Universidade de Santiago; e Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”, a ilustradora da exposición. Esta está formada por doce paneis con textos e ilustracións onde aparecen os nomes, biografías, e os logros das mulleres que hai 50 anos foron pezas clave para o éxito da misión do Apolo XI e chegada da primeira persoa á Lúa. Os logros van dende preparar os cálculos da traxectoria, ata a mesma alimentación dos astronautas, pasando pola programación dos ordenadores que levaba a nave. Nomes como Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman ou Rita Rapp.
As promotoras desta idea, sinalan que con este proxecto pretenden axudar a rachar cos estereotipos sexistas que aínda hai na sociedade, así como contribuír a aumentar a representación e participación feminina nos avances e decisións do futuro tecnolóxico, científico e matemático da nosa sociedade.
O Parque Tecnolóxico de Galicia tamén incorporará unha serie de vídeos protagonizados por mulleres científicas e tecnólogas que traballan en Tecnópole. Marta Otero e Marta Antolín son dúas das protagonistas destes vídeos, sendo a primeira doutora en Física e técnica de I+D e a segunda enxeñeira superior de telecomunicacións. Mediante estes vídeos preténdese animar ás rapazas a estudar materias científicas e tecnolóxicas.

Marta Otero e Marta Antolín

PUBLICIDADE