A Tropa de Trapo e O Xigante, recoñecidas no festival Divercine de Uruguai

luns, 23 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Fotograma de O Xigante cruzando de beira a beira a Ría de Ferrol

O palmarés do certame Divercine, o Festival Internacional de Cinema para Nenos e Mozos que se celebra cada no en Uruguai, tivo notábel presenza galega. Máis polo miúdo a de dúas obras estreitamente ligadas á busca de novas realidades a través das técnicas dixitais combinadas coa imaxinación sen límite: A tropa de trapo no país onde sempre billa o sol, que obtivo o premio á mellor longametraxe en competición de mans do xurado infantil do Plan Deni, e máis O xigante, que foi elixida polo xurado internacional como mellor curtametraxe de animación.
Divercine, certame onde compiten cada no uns 100 títulos de máis de 30 países, quixo recoñecer os valores da primeira obra como vehículo de transmisión de sentimentos e ideas persoais, amais de fomentar o respecto polas mesmas. Con O Xigante, valorouse a poesía das súas imaxes e os conceptos de valor achegados para o medre de nenos e adolescentes.
Engadir que a Tropa de trapo é unha produción de Abano, Anera Films, Continental Producciones e TVG, e foi estreada en 2010. Trátase da primeira película en 3D estereoscópica realizada en España. Foi galardoada con premios en EEUU, Bélxica e España. O Xigante, pola súa parte, é unha coprodución de Abano e ZeppelínFilmes (Portugal). Desde a súa estrea en marzo de 2012 no Teatro Jofre de Ferrol, conseguiu o premio á mellor curta no Festival de Cans, foi finalista en Curtocircuíto, e atópase competindo en sección oficial en diferentes festivais de todo o mundo, como o Kinderfilmfest (Frankfurt) ou no Festival de Brasilia.
Divercine, o festival que outorgou os devanditos recoñecementos ao audiovisual galega, achega cada ano unha escolma de obras internacionais de gran calidade, froito dunha atención exhaustiva aos filmes premiados noutros certames de recoñecida traxectoria.
O festival pretende achegar a nenos e mozos a diversidade cultural do mundo, entendendo que o cinema é a arte que máis pode contribuír ao seu coñecemento e comprensión e que estes son factores imprescindibles do diálogo intercultural como requisito dunha cultura de paz.

PUBLICIDADE