A UDC participa nun proxecto para formar enxeñeiros de software que traballen en sustentabilidade

luns, 17 de xaneiro do 2022 S. P.

Ao abeiro da importancia presente e futura dos enxeñeiros de software (que terán os recursos humanos e tecnolóxicos para resolver os grandes retos sustentabilidade aos que nos enfrontamos local e globalmente), a Universidade da Coruña puxo a disposición do alumnado un mestrado triplo Erasmus Mundus para formar profesionais en programación que traballen no dito ámbito de acción.
Farao a través do programa internacional de mestrado Erasmus Mundus Software Engineers for Green Deal (SE4GD), que educa aos enxeñeiros de software “cunha mentalidade sustentábel”. Estes futuros profesionais, informa a UDC, serán capaces de “innovar, deseñar e implementar solucións baseadas en software” para contextos locais e globais e atendendo a rigorosos criterios de protección e conservación do medio natural.
O mestrado ponse en marcha como un programa de triplo formación entre a Universidade LUT en Finlandia, Aquila University en Italia e a Universidade Vrije de Amsterdam nos Países Baixos, mentres que a Universidade da Coruña é socia académica.
Como dixemos, o programa céntrase no desenvolvemento sustentábel mediante o uso de solucións de software. Fai fincapé nos aspectos humanos e educativos da economía circular e respectuosa e forma a profesionais das TIC con coñecementos avanzados, habilidades e competencias en materia de sustentabilidade.
O mestrado SE4GD tamén fai fincapé na empregabilidade dos estudantes desenvolvendo as súas habilidades profesionais ao longo do programa. .
O alumnado comezará a súa formación en Italia (semestre 1, centrándose nos fundamentos da enxeñaría de software) e continuará en Finlandia (semestre 2, facendo fincapé no software sustentable) e nos Países Baixos (semestre 3, centrándose no software para a sustentabilidade). Para o traballo de fin de mestrado do semestre 4, os estudantes poderán seleccionar un dos postos ofrecidos polos socios (en particular, a Universidade da Coruña). Tamén participarán en dúas escolas de verán, organizadas polos socios, como parte dos estudos.

PUBLICIDADE