A USC estrea o vindeiro curso o Grao de Robótica

xoves, 13 de xuño do 2019 Redacción

A Universidade de Santiago ampliou a súa oferta académica de títulos cunha ollada posta no futuro. Ou mellor dito: no presente inmediato. Estamos a falar da inclusión do Grao de Robótica para o vindeiro curso 2019-20, segundo aprobou este luns o Consello Galego de Universidades. Este novo título, único no Sistema Universitario Galego (só se podía cursar até agora nas universidades Rey Juan Carlos e Alacante), arrinca con 50 prazas de novo ingreso.
O grao, que se desenvolverá na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, presenta un programa académico cunha estrutura total de 240 créditos, repartidos ao longo de catro cursos e distribuídos en 60 créditos de formación básica, 126 de materias obrigatorias, 30 créditos optativos, 12 créditos en prácticas externas obrigatorios e 12 créditos no Traballo Fin de Grao.
Segundo informa a USC, o itinerario do grao en Robótica posibilitará ao alumnado comezar a ensamblar e programar robots reais dende o primeiro curso, “grazas a existencia de materias de proxectos integrados, de carácter totalmente práctico, e a través dos que aplicará os coñecementos adquiridos noutras materias para a resolución de retos en robots”.
O título contempla unha mención en AgroRobótica, para a que deberá seguirse un itinerario formado por 30 créditos ECTS de materias relacionadas coa especialización escollida optando entre unha oferta de 6 materias.

PUBLICIDADE