A UVigo e a Deputación de Ourense homenaxean as mulleres que impulsaron a tecnoloxía aeroespacial

venres, 29 de outubro do 2021 S. P.

A Universidade de Vigo e Deputación de Ourense xuntaron forzas para promover a vocación científica e tecnolóxica entre o alumnado feminino. Fixérono coa mostra As mulleres que nos levaron á Lúa, que poderá verse ata o 5 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel antes de iniciar o seu periplo itinerante. En concreto, a exposición pon de relevo o traballo das mulleres que hai cincuenta anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á Lúa, mostrando polo miúdo referentes femininos en ámbitos de futuro como a enxeñería aeroespacial.
A mostra foi presentada no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza do vicepresidente da Deputación, César Fernández; a deputada de Igualdade, Luz Doporto; e as promotoras desta iniciativa: Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras da Universidade de Vigo, Encina Calvo da Universidade de Santiago de Compostela, e a ilustradora da mostra Manuela Elizabeth Rodríguez MeliMolita.
Nieves Lorenzo explicou que a idea desta exposición ten como punto de partida a inquedanza do profesorado universitario pola escasa presenza de mulleres nos graos científicos e tecnolóxicos e a falta de referentes femininos nestas disciplinas, así como polo éxito doutra mostra, Mulleres na Ciencia, organizada polas promotoras desta nova iniciativa trala declaración, por parte da ONU, do 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Na actualidade, dixo, "unha de cada cinco persoas que traballan na industria aeroespacial son mulleres, das que só o 15 % cursan estas titulacións, cando esta enxeñaría, xunto coa de informática, son profesións de futuro nos ámbitos tecnolóxicos e da innovación que, ademais, poden estudarse no campus ourensán”.
As mulleres que nos levaron á lúa consta de doce paneis, con textos e ilustracións, nos que se recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiñan como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria, programación dos ordenadores e mesmo a alimentación dos astronautas que viaxaron ao espazo no Apolo XI.
A mostra ficará exposta no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 5 de novembro, para despois iniciar o seu periplo itinerante polos centros educativos da provincia, atendendo todas as solicitudes que se rexistren a través do sitio exxperimentaenfeminino.uvigo.gal.

PUBLICIDADE