A UVigo participa nun proxecto cuántico europeo para mellorar a seguridade das comunicacións

xoves, 16 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

O proxecto Quantum Secure Networks Partnership, QSNP, impulsado por un consorcio de máis de 40 socios, entre eles a Universidade de Vigo, e liderado polo Instituto de Ciencias Fotónicas, ICFO, con sede en Barcelona, conta cun orzamento de 25 millóns de euros e unha duración de tres anos e medio. Nesta iniciativa están implicados socios de toda Europa, entre os que hai 23 institucións académicas, cinco fundacións, sete pemes e spin-offs, tres integradores de redes e criptografía e catro operadores de telecomunicacións.
Segundo explican fontes da UVigo, QSNP nace con tres obxectivos: desenvolver tecnoloxía cuántica avanzada para redes de comunicación seguras contra o poder cada vez maior dos ordenadores e a sofisticación dos algoritmos; integrar esta tecnoloxía nos sistemas de telecomunicación clásicos existentes e nos protocolos poscuánticos; e entregar tecnoloxía europea crítica a infraestruturas gobernamentais como a European Quantum Communications Infrastructure (EuroQCI).

O investigador Marcus Curty

A UVigo está representada neste consorcio por un grupo de investigadores do Vigo Quantum Communication Center (VQCC) liderados polo catedrático Marcos Curty. Como explica o docente, participan en tres paquetes de traballo, un sobre sistemas cuánticos de distribución de clave con prestacións avanzadas, outros de clave baseados en entrelazamento e independentes dos seus dispositivos e un terceiro sobre protocolos de comunicacións cuánticas máis aló dos sistemas cuánticos de distribución de clave.
Este novo proxecto xorde ao abeiro do Quantum Flagship, un megaproxecto europeo que conta con 1.000 millóns de euros de orzamento e dez anos de duración no que están involucrados máis de 5000 investigadores, co obxectivo de levar a física cuántica do laboratorio ao mercado. Tras esta reunión de lanzamento en modalidade virtual, a primeira reunión presencial con todos os socios do consorcio celebrarase nas instalacións de ICFO en Barcelona, do 24 ao 25 de abril.

PUBLICIDADE