A Xunta colabora no impulso dun campus virtual galego-luso centrado na igualdade laboral
venres, 26 de maio do 2023
A
directora
xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na
presentación do círculo de traballo do proxecto Gemcat Capitaliza
para promover a igualdade laboral e potenciar a xeración de emprego
de calidade transfronteirizo. No marco do mesmo a Xunta, en
colaboración coa Universidade de Porto e a Cámara Municipal de
Braga, están a promover un campus virtual entre Galicia e o Norte de
Portugal de formación en igualdade laboral para sensibilizar ás
empresas, en especial as pemes, sobre os beneficios de aplicar
medidas de conciliación e corresponsabilidade no seo das súas
organizacións.
Con
Gemcat Capitaliza, sinalou a directora xeral, búscase actualizar e
homoxeneizar os servizos formativos en materia de igualdade
existentes na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, mediante o
desenvolvemento conxunto dun sistema formativo piloto (campus virtual
transfronteirizo) baseado nun currículo formativo común de
referencia na devandita temática. Está dirixido a capacitar, tal e
como debullou Mancha, tres grupos de interese: persoal docente,
técnicos/as de igualdade, e sociedade en xeral (empresas, persoas
desempregadas, etc).
“Falamos
de impulsar, entre outras medidas, un espazo virtual transfronteirizo
piloto que sirva como vehículo de transferencia do coñecemento e
recursos xerados tanto en Gemcat, como durante o proxecto de
capitalización, en materia de igualdade laboral e Responsabilidade
Social Empresarial, co fin de sensibilizar ás empresas,
principalmente pemes, así como á sociedade en xeral, a través de
accións formativas virtuais gratuítas enmarcadas en diferentes
ámbitos, como son a conciliación e a corresponsabilidade, o acoso
laboral ou teletraballo”, especificou Mancha.
O
campus virtual xa impartiu ata o de agora tres obradoiros sobre o
principio de igualdade, a formación nas empresas con perspectiva de
xénero e o exercicio corresponsábel dos dereitos da vida persoal,
familiar e laboral respectivamente. O 6 de xuño celebrarase unha
nova actividade sobre o teletraballo e a desconexión dixital.
Este
espazo transfronteirizo innovador incorporará unha certificación
que recoñeza as competencias adquiridas polas persoas que, a futuro,
formarán e asesorarán a outros grupos para promover a igualdade de
oportunidades no ámbito do emprego.