A Xunta reivindica este sábado en Lugo as contribucións científicas das mulleres galegas

xoves, 9 de febreiro do 2023 S. P.

O Auditorio AFundación de Lugo acollerá este 11 de febreiro, coincidindo co Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, unha actividade de divulgación e conmemoración para reivindicar as contribucións femininas ao ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Trátase do acto Mulleres, supernovas da Ciencia, convocado polo Goberno galego. Contarase coa presenza da astrofísica e enxeñeira viguesa da NASA, Begoña Vila. Tamén estará presente a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
A través desta xornada, aberta ao público (11.30 horas) ata completar aforo, o Goberno galego quere “contribuír ao impulso das vocacións científicas entre as mozas galegas e avanzar na efectiva igualdade de oportunidades entre mulleres e homes neste ámbito”.

A investigadora da NASA Begoña Vila será unha das convidadas á xornada

Como dixemos, o encontro contará como convidada coa astrofísica e enxeñeira viguesa do Telescopio Espacial James Webb da NASA Begoña Vila, que pronunciará un relatorio co título De onde vimos?, a resposta nas estrelas. Vila traballa como enxeñeira de sistemas do Fine Guidance Sensor (FGS) -sensor que leva o Telescopio James Webb-, no centro de voo espacial Goddard (GSFC) da NASA. En 2016 foi premiada por esta axencia coa medalla Exceptional Public Achievement Medal, distinción que se concede ás persoas alleas a esta organización, pero que contribúen de xeito relevante á súa misión espacial.
Durante a xornada están previstas tamén as intervencións de Cintia Folgueira Cobos, investigadora postdoctoral no Centro Nacional de Investigaciones Cardiovasculares (CNIC); Natalia Barreiro Piñeiro, investigadora postdoctoral no Centro Singular de Investigación en Química, Bioloxía e Materiais Moleculares (CiQUS), da Universidade de Santiago de Compostela; e María de la Fuente Freire, directora da unidade de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e CEO da sfirma biotecnolóxica Diversa.
Tras os relatorios, as persoas asistentes ao evento poderán tomar parte no mesmo a través de coloquios. Está prevista ademais a presenza de estudantes con intereses científicos, entre elas, dúas alumnas de institutos e colexios de Lugo que foron finalistas na Olimpíada Matemática Galega.

PUBLICIDADE