A aplicación que permitirá gozar da nosa terra dende a bici lanzarase en setembro

martes, 16 de agosto do 2022 S. P.

O Instituto de Estudos do Territorio vén de achegar detalles da aplicación web A paisaxe de Galicia dende a bicicleta, que está a desenvolver a dita entidade co obxectivo de servir de complemento tecnolóxico e informativo aos viaxeiros que visiten os tesouros da nosa terra subidos ao devandito vehículo. A ferramenta, que se atopa en fase de probas (está a ser sometida ás últimas comprobacións técnicas), ten o seu lanzamento previsto para este mes se setembro. O visor conta con máis de 50 itinerarios e todos os recursos para facilitar que a cidadanía se achegue á paisaxe galega “desde unha perspectiva diferente e sustentábel”, sinalou o dito instituto.
Concretamente, poranse 52 itinerarios (cunha extensión máis de 2.300 quilómetros) a disposición dos usuarios-viaxeiros,, todos eles perfectamente cartografados e en formato descargábel para facilitar a súa consulta desde diferentes dispositivos. Ademais disto, cada resultado inclúe unha ficha técnica con detalles e varias fotografías de distintos puntos para facer do percorrido unha experiencia moito máis completa.
Entre os aspectos máis salientábeis da ferramenta o instituto enxalza o “seu alto grao de personalización, xa que permite filtrar os itinerarios por niveis de dificultade, tipo de ruta (lineal ou circular), duración total e tipoloxía de paisaxe (costeira ou interior)”. A isto cómpre engadir un mapa “que conta cun alto grao de detalle para destacar localizacións de interese como monumentos naturais, humidais ou espazos protexidos, entre outras”.

PUBLICIDADE