A caixa Asus XG Station Pro permite conectar tarxetas gráficas a portátiles por Thunderbolt 3

xoves, 4 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Para poder gozar de grande potencia gráfica para usos profesionais ou para xogar, en ordenadores portátiles existe dende hai anos a posibilidade de empregar tarxetas gráficas externas, e para facer iso Asus presenta a súa nova XG Station Pro, unha caixa con acabados e prestacións profesionais que permite introducir no seu interior unha gráfica de alta gama que conectar por Thunderbolt 3 a numerosos portátiles como os ZenBook ou os MacBook, permitindo así que poidan empregarse para edición de vídeo, modelado en 3D ou CAD.
Até hai pouco era reducido o número de portátiles que permitín o uso de gráficas externas, xa que dependíase de conectores bastante exóticos, pero agora que está dispoñible a conectividade Thunderbolt 3 cun largo de banda de 40 Gbps e soporte nativo de PCI Express a cousa ábrese a moitos máis equipos que agradecerán a chegada ao mercado de accesorios como a Asus XG Station Pro, que conta cun chasis de aluminio con paneis superior e lateral extraíbles para facilitar a instalación dunha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1070 Ti, 1080 Ti ou Radeon RX Vega 56/64, así como de gráficas mías modestas (GeForce GTX900 e Radeon R9).
Esta caixa conta cunha alimentación de 330 watts para poder sustentar ás gráficas máis potentes, á vez que tamén conta con numerosos sistemas de refrixeración que buscan maximizar a expulsión de calor á vez que manteñen ao mínimo o nivel de ruído empregando elementos pasivos onde é posible e colocando as fontes de maior calor nas partes máis externas.
O seu interior mantén os cables organizados e incluso integra unha branca suave que pode personalizarse mediante software (para que o usuario elixa a cor que mellor acaia ao seu espazo). Na parte traseira tamén inclúe un conector USB 3.1 de tipo C que pode entregar até 15 watts de corrente.
Este produto sairá á venda este mes a un prezo de 329 dólares, e actualmente funciona con gráficas AMD e nVIDIA baixo Windows 10 e gráficas AMD Vega en macOS.

PUBLICIDADE