A cámara Sioeye Iris4G Blink transmite vídeo en directo a través YouTube valéndose do 4G

luns, 1 de agosto do 2016 Marcus Fernández

As cámaras de acción contan cada día con máis funcionalidades para facilitar a retransmisión en directo a través da Rede, e a compañía norteamericana Sioeye avanza nesa liña coa súa nova Iris4G Blink Edition, que sairá á venda en outubro a un prezo de 249 dólares, pero que xa pode reservarse por só 199 dólares, o que parece bastante axustado se temos en conta que, aparte das funcionalidades propias dunha cámara deportiva, é capaz de retransmitir vídeo en directo a través da Internet (a través de YouTube Live) sen precisar dun smartphone, xa que incorpora conectividade 4G. Todo un acerto para os que queren amosar as súas fazañas deportivas en directo, e non queren que perigue a integridade do seu smartphone.
A Sioeye Iris4G Blink mide 65 x 42 x 30 milímetros e pesa uns 100 gramos; a súa batería extraíble de 1.160 mAh achégalle unha autonomía de até 90 minutos de retransmisión en directo, integra unha pantalla táctil de 2 polgadas, ten 4 GB de almacenamento (podendo gravar tamén en tarxetas microSD de até 64 GB), conta con GPS e conectividade Bluetooth 4.0 e pode controlarse dende aplicacións móbiles como moitas cámaras deste tipo. Tamén conta con máis modos de funcionamento que o vídeo en directo, como gravación de vídeo, refoladas de fotos (de 10, 20 ou 30 imaxes de cada vez), fotografías normais (de 8 Mpíxeles) e time lapse (a intervalos de 3, 5 ou 10 segundos).
A cámara pode gravar vídeo Full HD a 30 imaxes por segundo; e cando transmite vídeo en directo faría uso duns 5 GB de datos á hora, o que pode parecer excesivo, de aí que conte cun modo de funcionamento optimizado para móbiles que transmitiría a 480p a 30 imaxes por segundo (podendo gardar copia local en Full HD) que consumiría só uns 450 MB cada hora.
Esta interesante cámara comercializarase cunha carcasa resistente á auga que incluso incorpora unha antena para amplificar a recepción do 4G, converténdose nun accesorio moi interesante para os deportes acuáticos.
O mesmo fabricante xa tiña no mercado a Iris4G LTE LIve Streaming 4K Action Camera, que como principal diferenza tería que en vez de Full HD traballa en 4K, o que fai que o seu prezo sexa moi superior (429 dólares) polo que enténdese que o novo modelo busca principalmente ser máis accesible ao usuario final que simplemente fará un uso esporádico da cámara de acción, polo que non está disposto a facer un investimento moi elevado.

PUBLICIDADE