A cámara do Pocophone consegue bos resultados en DxOMark

mércores, 30 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Cando chegou ao mercado español o Poco F1 de Xiaomi, que coa súa marca Pocophone quería demostrar que era posible vender un smartphone coa potencia dos modelos de alta gama pero cun prezo moi reducido (desembarcara no verán a un prezo de só 299 euros) semellaba evidente que estabamos ante un smartphone de moita potencia, pero que prescindía doutros elementos que moitos usuarios consideraban prescindibles.
Pero un elemento que si esixen case todos os consumidores é unha boa cámara, e aínda que estaba claro que o Poco F1 tiña mellor cámara que moitos outros smartphones do mesmo prezo, non estaba claro canto mellor, até que finalmente dende DxOMark sorprenderon analizando este terminal, ao que outorgaron unha sorprendente puntuación de 91, ou sexa, que tras unha intensa batería de probas concluirían que este terminal bastante económico conseguiría quedar preto de móbiles como o iPhone 8 (con 92 puntos) e superaría ao primeiro Google Pixel (90), o Galaxy S7 (89) e incluso ao iPhone 7 (85), o que sen dúbida é unha sorpresa para moitos, que definían as cámaras dos terminais de Pocophone como normaliñas.
Dende DxOMark destacan que a cámara traseira do Poco F1 consegue exposicións precisas en interiores e exteriores, unhas cores satisfactorias en todas as condicións de iluminación, un enfoque automático rápido e preciso e unha boa resposta co flash, pero tamén deixa claro que con pouca luz perde detalle e o seu modo retrato resulta pouco natural, ou sexa, que non estamos ante un terminal cunha cámara magnífica, pero si moi por enriba da media, polo que sería un terminal moi recomendable para quen teña un orzamento reducido e queira gozar dun móbil moi potente. Iso si, para fieis de Xiaomi cómpre indicarlles que o Mi 8 consegue unha puntuación de 99 en DxOMark (superando ao iPhone X e empatando co Google Pixel 2), e aínda que inicialmente este smartphone era moito máis caro que o de Pocophone, nos últimos tempos as distancias acurtáronse, polo que algunhas configuracións do Mi 8 poden ser unha compra moito máis recomendable.

PUBLICIDADE