A compañía española Airis amplía a súa gama de tabletas WinPAD

xoves, 22 de xaneiro do 2015 Redacción

O fabricante español Airis vén de anunciar a incorporación ao seu catálogo de dous novos modelos de tabletas. Por unha banda o modelo Airis WinPAD 70W e, pola outra, o WinPAD 100W. Por certo que os dous aparellos comparten múltiples cousas, alén do epígrafe que as acompaña: “Tabletas con alma de computador”. Para comezar, integran procesadores Intel de catro núcleos e inclúen de serie o sistema operativo Windows 8.1, amais de subscrición gratuíta de un ano duración para o paquete ofimático Office 365. “O resultado”, sinala Airis, “é meirandes versatilidade e rendemento”.
No que se refire ao WinPAD 70W, dicir que é o máis “pequeno da gama”, tal e como amosan o seu peso e tamaño (9.5 mm e 290 gramos). Porén, a súa pantalla IPS de 7 polgadas amosa unha resolución de 1024x600 e 16 Gbyte de almacenamento “para render coa mesma potencia que un computador”, sinala Airis, que engade que “a posibilidade de usar accesorios e periféricos mediante as súas conexións Wi-Fi, USB e Bluetooth asegura unha experiencia Windows completa”.
No que atinxe ao WinPAD 100W, sinalar que pode traballar como tableta ou como portátil convencional, “todo grazas ao seu teclado extraíbel que fai o seu uso máis cómodo en función da situación na que nos atopemos”. Conta con 2 Gbyte de memoria, 32 Gbyte de almacenamento e unha pantalla de 10.1 polgadas, IPS, con resolución de 1280x800 para unha “visualización nítida desde calquera ángulo”. Estamos pois perante o modelo de maior tamaño e prestacións dos existentes no catálogo de Airis, ademais de ser o único con detalles de conectividade ampliada e cun maior número de portos USB (3) e saída de vídeo mini HDMI. O prezo de venda ao público recomendado para as tabletas AIRIS WinPAD comeza nos 149,90 euros, variando en función do modelo e accesorios elixidos.

PUBLICIDADE